Inicio Carballo ao día Avisos Aberto do 1 de xuño ao 10 de agosto o...

Aberto do 1 de xuño ao 10 de agosto o período voluntario para pagar as taxas por vaos e lixo-vivenda e o IVTM

Sábado 30 de maio do 2020

Durante o estado de alarma decretado para facer fronte á pandemia da COVID-19, e co obxectivo de reducir a presión fiscal sobre a veciñanza, o Concello de Carballo acordou suspender todos os cobros, liquidacións e procedementos executivos de recadación. Sen embargo, para evitar que se concentren todos os recibos nos últimos meses do ano, vimos de acordar o reparto dos períodos de cobranza en diferentes trimestres e facilitar así o pago por parte das familias.

Deste xeito, a partir do 1 de xuño estarán ao cobro os recibos correspondentes ás taxas de lixo _aínda que só na modalidade de vivendas_ e reserva de espazo para estacionamentos e vaos permanentes, así coma ao imposto sobre vehículos de tracción mecánica. Os padróns fiscais xa están aprobados, e a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) abrirase un período de 1 mes para comprobación dos datos e corrección de posibles erros.

  • O Concello de Carballo emitirá 18.316 recibos polo servizo de recollida domiciliaria de residuos sólidos urbanos, por un total de 1.094.906,84 euros. Non se porá ao cobro a taxa correspondente ás empresas.
  • Pola reserva de estacionamentos en vía pública para parada de buses, carga e descarga e vaos permanentes emitiranse 892 recibos por un total de 103.497,19 euros.
  • En canto ao imposto sobre vehículos de tracción mecánica, este ano emitiranse 26.949 recibos por un total de 1.379.186,54 euros.

O período voluntario de cobro estará aberto dende o 1 de xuño ata o 10 de agosto. Os contribuíntes que non teñan domiciliados os recibos poderán aboalos nas oficinas da Recadación Municipal, sitas na rúa Camiño Novo n.º 7, entreplanta Galerías Comerciais, de luns a venres, de 08.00 a 14.00 horas. Os recibos domiciliados pasaranse ao cobro a partires do 2 de xullo.

Compartir: