FEIRA DO LIBRO
Claudio Rodríguez Fer: "Hai que ler para vivir, se se quere vivir plenamente"
Xoves 25 de agosto do 2005
Evencio Ferrero sinalou a importancia de situar a mostra no Xardín municipal para lle "achegar o libro e a lectura á vida cotiá de Carballo e se rachen as barreiras e as distancias". O rexedor animou a todos os cidadáns de Bergantiños a "aproveitar a oportunidade desta fin de semana" e a disfrutar de calquera dos libros que se decidan a escoller.
"As feiras representan a liberdade de expresión sen límites dos autores e a liberdade de información dos usuarios", comentou Rodríguez Fer na primeira parte do seu pregón. "Da liberdade falo, é un libro aberto" foi un dos versos do poema inédito de Celso Emilio Ferreiro que o pregoeiro quixo incluír no seu discurso, e que rematou cunha peza en verso da súa creación titulado Pregón da Galiza literaria.
Dende a Federación de Libreiros de Galicia, Antonio Fernández Maira anunciou que existe vontade de continuar coa celebración anual desta mostra en Carballo para que a vila "sexa un referente cultural de toda a comarca de Bergantiños no mes de agosto". O acto de inauguración da Feira do libro contou coa actuación da Banda de Gaitas de Carballo.