Estado de alarma polo COVID-19: Anticipo da prestación para as persoas acollidas a ERTEs
Martes 28 de abril do 2020
A Xunta activa unha liña de apoios para que cada traballador/a galego/a acollido/a a un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) autorizado e que aínda non cobrara as prestacións por desemprego do Goberno central poida recibir de forma inmediata un anticipo de 1.500 euros, cun tope mensual de 750. O convenio, acordado coas entidades financeiras, permitirá aos/ás empregados/as solicitar un adianto ata que a Administración estatal realice os pagos correspondentes.
Así, poderán ser beneficiarias desta nova liña as persoas que presten os seus servizos laborais en Galicia, que están incluídas en Erte aprobados como consecuencia da crise sanitaria provocada polo COVID-19 e que aínda non recibiron as prestacións que lle corresponden por parte do Goberno. Os adiantos estarán libres de xuros e de comisións.
As contías dos anticipos estableceranse en función das mensualidades que cada empregado teña pendente de cobro e poderán chegar ata 750 euros ao mes, no caso de persoas con contratos a xornada completa e afección do Erte ao 100% da xornada. Se o contrato fose a tempo parcial ou o Erte afectase só a unha parte da xornada, o adianto reducirase proporcionalmente.
Máis información nos teléfonos 900 815 600 e 900 815 151 e na web de Emprego Galicia