Inicio Carballo ao día Avisos Estado de alarma polo COVID-19: Carballo ofrece...

Estado de alarma polo COVID-19: Carballo ofrece un dos puntos de aloxamento de traballadores desprazados que presten servizos esenciais

Luns 6 de abril do 2020

Como consecuencia do estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID_19, o Goberno do Estado declarou servizos esenciais a determinados aloxamentos turísticos, entre os que figura o Hostal Río Sil de Carballo, segundo a relación publicada no BOE do 30 de marzo.

O obxectivo destes establecementos é permitir, en caso de necesidade, o aloxamento aos traballadores desprazados que presten servizos esenciais, como as forzas e corpos de seguridade do Estado, ou que deban realizar labores de mantemento, asistencia sanitaria, reparación e execución de obras de interese xeral, abastecementos de produtos agrarios e pesqueiros, e tripulacións dos buques pesqueiros, así como servizos complementarios ás mesmas, no ámbito sanitario, portuario, aeroportuario, viario e ferroviario, alimentario, salvamento e seguridade marítima, a instalación, mantemento e reparación de redes de telecomunicacións e centros de procesos de datos, subministración de enerxía e auga, subministración e servizos de transporte de mercadorías ou de viaxeiros ligados ás actividades permitidas polo Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo.

En todo momento terán que observarse as medidas e instrucións de protección indicadas polo Ministerio de Sanidade para evitar o contaxio do COVID-19.

O Hostal Río Sil figura, ademais, na relación de aloxamentos turísticos que por parte da Xunta de Galicia se puxeron a disposición non só de traballadores desprazados que presten servizos esenciais, senón tamén de colectivos de especial vulnerabilidade social, como persoas sen fogar, en exclusión social, cidadáns en tránsito ou vítimas de violencia de xénero. Neste caso, para a xestión de reservas e aclaración de dúbidas, están dispoñibles o teléfono 986 447 060 e o enderezo electrónico mice@abramar.com. Máis información, aquí.

Compartir: