TURISMO
Rubén Lois reafirma os compromisos da Dirección Xeral de Turismo con Carballo
Venres 28 de xullo do 2006
No tocante ao Punto de Información Turístico, Rubén Lois manifestou que "imos intervir e facer o investimento directamente para que se produza ese traslado do Museo de Bergantiños". En relación á situación do litoral, o director xeral de Turismo dixo que "están a punto de resolverse as axudas para ese espazo turístico de Razo e Baldaio, co obxectivo de mellorar a calidade na accesibilidade e no medio ambiente". As actuacións previstas para o litoral son as de completar a pasarela peatonal até o límite da explanada, aumentar a capacidade do depósito de auga e habilitar os servizos na caseta dos socorristas. En canto ao Plan de Dinamización, Rubén Lois confía en que "desde Carballo podamos comezar a subsanar o déficit de empresas de xestión de turismo". O director xeral de Turismo tildou estes tres compromisos de "moi importantes e que debemos asumir con carácter puntual en 2006, aínda que mirando cara o futuro". Rubén Lois visitará pola tarde o espazo natural de Razo e Baldaio.