Inicio Carballo ao día Hemeroteca O poeta Claudio Rodríguez Fer abre a Feira...

VERÁN CULTURAL

O poeta Claudio Rodríguez Fer abre a Feira do Libro de Carballo

Mércores 24 de agosto do 2005

"Claudio Rodríguez Fer conta cunha obra inmensa tanto en poesía como en relatos ou en estudos de investigación", explicou o coordinador da Federación de Libreiros de Galicia, Antonio Fernández Maira na presentación da tradicional mostra. O pregoeiro escollido polo Concello de Carballo está considerado o pioneiro da poesía erótica galega dende a publicación do seu primeiro libro no ano 1979, Poemas de amor sen morte. Gañador do Premio Nacional da Crítica no 1982, co poemario Tigres de ternura, Rodríguez Fer dirixe na actualidade a Cátedra de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela e imparte clases na Facultade de Humanidades de Lugo.

Os actos comezan ás 12.30 horas coa actuación da Banda de gaitas de Carballo e continúan pola tarde cunha ampla oferta lúdica. Ás 19.30 horas, o contacontos Cándido Pazó ofrecerá o seu espectáculo de relatos para adultos. Unha hora despois, terá lugar a presentación do libro de Fernando Cabeza Quiles, Domingo de resurrección, no que participarán o autor. A xornada remata coa sinatura de exemplares na que participarán escritores da comarca de Bergantiños. Xan Fernández, Xurxo Borrazás, Xosé Manuel Varela, Xelucho Abella, Fernando Cabeza Quiles e Xan Fraga estarán á disposición do público a partir das 21.00 horas.

A Feira do Libro de Carballo será o peche das actividades do Verán Cultural promovidas polo Concello de Carballo. Na mostra colaboran Caixanova e a Deputación da Coruña e estará aberta ao público ata o 28 de agosto, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 21.30 horas.

Compartir: