Inicio Carballo ao día Avisos Publicada no BOP a aprobación definitiva...

Publicada no BOP a aprobación definitiva da ordenanza de contaminación acústica, que entrará en vigor no mes de marzo

Luns 10 de febreiro do 2020

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica con data 10 de febreiro de 2020 a aprobación definitiva da Ordenanza de contaminación acústica do Concello de Carballo, que dá cumprimento ás normativas comunitaria, estatal e autonómica vixentes sobre protección contra a contaminación acústica, ademais de respostar aos novos retos e necesidades ambientais que se producen na realidade actual do municipio.

A ordenanza, que foi exposta ao público sen que se presentasen alegacións nin reclamacións, establece un marco xurídico de intervención na corrección das superacións dos niveles sonoros ambientais establecidos, e contempla medidas específicas para loitar, entre outros, contra o ruído procedente do tráfico, os comportamentos incívicos, actividades de ocio nocturno e demais fontes que no seu comportamento, funcionamento uso ou exercicio sexan susceptibles de causar molestias ás persoas, danos a bens, xerar riscos para a saúde ou benestar, ou deteriorar a calidade medioambiental, así como regular as actuacións específicas en materia de ruído e vibracións no ámbito territorial do noso municipio como son a aprobación de instrumentos de avaliación e xestión do ruído ambiental ou as esixencias acústicas derivadas dos obxectivos de calidade acústica nas edificacións.

A ordenanza entrará en vigor 15 días hábiles despois da súa publicación, é dicir, o 3 de marzo. O texto íntegro pode consultarse no documento axunto.

Descargas

Compartir: