Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello precinta as grellas das áreas...

PREVENCIÓN DE LUMES FORESTAIS

O Concello precinta as grellas das áreas recreativas para evitar os incendios

Mércores 24 de agosto do 2005

A Consellaría prohibe prender lume ao aire libre en todo tipo de terreos forestais ou agrícolas, en zonas de acampada e áreas de descanso da rede de estradas, mesmo naquelas que estean habilitadas para ese fin, non permite realizar competicións automobilísticas ou semellantes, nin a circulación de vehículos a motor por pistas ou terreos forestais, coa excepción dos vehículos empregados para a xestión do terreo, a realización de traballos forestais ou a vixilancia, prevención e extinción de incendios.

Nos montes e nas zonas rurais situadas nunha franxa de 400 metros arredados daqueles, non se poderá utilizar maquinaria non forestal ou agrícola con ferramentas que poidan producir chispas ou soldaduras de calquera tipo, agás que se conte coa autorización expresa da Dirección Xeral de Montes e Industrias forestais.

Tralos lumes de alta intensidade que tiveron lugar en diversas zonas de Carballo dende o 12 de agosto, o Goberno municipal puxo os seus Grupos de Intervención Rápida á disposición dos efectivos da consellaría de Medio Rural, un total de 15 traballadores, dúas motobombas e varios vehículos. O Concello solicita a colaboración de todos os veciños e agarda que esta nova medida sirva para controlar os incendios que se están a producir en Galicia nos últimos días.

Compartir: