Inicio Carballo ao día Hemeroteca A música alternativa e independente...

CULTURA

A música alternativa e independente será a protagonista do Festival ‘Sereas e Piratas’

Venres 14 de xullo do 2006

O venres 21 de xullo iniciaranse as actividades na praia cun curso de iniciación ao surf para rapazas, desenvolvido por Rip Curl e coordinado pola campiona de España de surf, Estitxu Estremo. Tamén haberá outras actividades, como clases de tambores e varias sorpresas. O surf será un dos pratos fortes da celebración do festival, xa que hai programado o campionato Expression Session, no que se puntuarán as maniobras máis radicais. Haberá premios en metálico de 150 e 100 euros e estarán convidados surfistas profesionais a nivel europeo. As inscricións son libres e gratuítas e pódense facer en Art Surf Cam, Teirón e pub A Reserva.

Ademais de todo isto, 15 estudantes de Belas Artes organizarán unha exhibición de graffitis, como xa se fixera nas galerías comercias da rúa da Igrexa co Graff Time 06. Un dos integrantes da Asociación Rebeldía, Deus, manifestou na presentación que "o que pretendemos é que esta iniciativa non se quedara aquí e fora crecendo con vindeiras edicións, xa que á zona faille falta un festival alternativo. O sitio é magnífico e queremos dar a coñecer a praia fóra do noso contorno". O concelleiro de Xuventude, Manuel Pan, angadiu que "pretendemos que a praia sexa algo máis que sol e o proxecto encaixaba perfectamente co que queriamos facer desde a Concellaría de Xuventude. Fan falta este tipo de espectáculos na Costa da Morte e Rebeldía pode contar co Concello para vindeiras edicións. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou que "Razo é un espazo de enorme potencial e valor extraordinario e calquera administración está obrigada a apostar por el. Agardo que con estas actividades consigamos poñer a Razo no lugar que merece estar desde hai tempo".

Compartir: