Inicio Carballo ao día Avisos Corte de tráfico na rúa...

Corte de tráfico na rúa Concepción Arenal para acometer as obras de reurbanización

Luns 28 de outubro do 2019

A rúa Concepción Arenal estará pechada ao tráfico a partir do martes 29 de outubro para acometer o proxecto de mellora dos servizos urbanísticos e da accesibilidade, no que se realizará un investimento de 184.525 euros.

A rúa Concepción Arenal, situada entre Vázquez de Parga e Valle Inclán, ten unha lonxitude de 80 metros e un ancho que oscila entre os 8,50 e 4,85 metros da zona máis estreita, na confluencia con Vázquez de Parga, onde carece de beirarrúa por mor dunha edificación e un peche de parcela existentes.

Co obxectivo de mellorar a accesibilidade proponse unha actuación semellante á doutras rúas da contorna, de xeito que a rúa contará con zonas peonís de 2,5 metros de ancho con pavimento de granito e un carril de circulación de 3,50 metros, todo en plataforma única.En canto aos servizos urbanísticos, melloraranse e completaranse as redes de abastecemento de auga e saneamento e instalarase rede de augas pluviais, da que carece a rúa nestes momentos; tamén se colocará a canalización para o soterramento futuro da rede de enerxía eléctrica e completaranse as de telecomunicacións e gas. En canto á iluminación pública, a instalación será soterrada e as luminarias irán colocadas sobre báculos en vez de fixadas ás fachadas, como están agora.

O prazo de execución das obras, que comezarán en breve, é de 3 meses.

Compartir: