Axober, en colaboración co Concello, organiza un curso de “Técnicas eficaces de coaching” especialmente orientado ao sector empresarial
Venres 6 de setembro do 2019
O coaching é cada vez máis necesario na actividade empresarial, xa que, utilizando técnicas eficaces, permite optimizar ao máximo o noso potencial executivo, mellora o desenvolvemento humano e fomenta a capacidade de liderado. Para dar resposta a esa necesidade, dende Axober, coa colaboración do Concello de Carballo, ponse en marcha un curso de Técnicas eficaces de coaching que permitirá ás persoas participantes coñecer máis de preto esta importante ferramenta, tomar conciencia da responsabilidade propia nos resultados que obtemos, explorar os hábitos e os comportamentos que nos achegan aos nosos obxectivos e tomar conciencia da importancia de pasar á acción.
Esta nova acción formativa, especialmente enfocada cara o sector empresarial, articúlase en tres bloques. No primeiro coñeceremos o coaching, as posibilidades que nos ofrece e cando podemos utilizalo ou non; o segundo centrarase na integración do coaching na nosa actividade e na importancia dunha boa comunicación e da responsabilidade empresarial, e no terceiro centrarémonos no cambio de perspectiva que implica. Todo iso en sesións de traballo grupais e individuais.
O curso de Técnicas eficaces de coaching arrincará o 1 de outubro e rematará o 24. Constará de 2 sesións semanais de 3 horas de duración que se desenvolverán na sede de Axober, na rúa Fomento 21-23 – 1º andar. O prazo de inscrición está aberto ata o 18 de setembro no local de Axober, chamando ao 981 756 313 ou enviando un correo electrónico a informacion@axober.org.