XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Concedidas dúas novas licenzas para a construción de dous edificios
Luns 10 de xullo do 2006
A Xunta de Goberno Local aprobou, ademais, a autorización de tres novos vaos permanentes en distintas zonas do municipio de Carballo. As novas licenzas de vao permanente correspóndense coas rúas do Paseo Arenal, en Arnados, de Eduardo Blanco Amor e avenida da Milagrosa. Ademais, aprobouse a certificación segunda e última da obra do Afirmado da rúa da Vila de Negreira e a certificación quinta da obra Execución de edificación destinada a Escola Taller de Carballo, Fase I, nave 2 e 3, ademais da realización do programa Verán Cultural, que se vai desenvolver durante os meses de xullo e agosto.
Convenio
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e os concellos da comarca de Bergantiños, para a prestación do servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade. O obxecto do convenio é o establecemento das condicións polas que rexerá a colaboración entre ambas as partes para a prestación integral do servizo de información ás mulleres da comarca, así como a promoción da igualdade das mulleres e dos homes a través dos CIM actuantes na comarca. Para isto, cóntase cos obxectivos de proporcionar asesoramento xurídico e psicolóxico, proporcionar información sobre recursos específicos para mulleres, colaborar na asistencia integral ás víctimas de violencia de xénero, aplicar o programa nacional de intervención comunitaria na área de igualdade da Secretaría Xeral de Igualdade e desenvolver calquera outra actividade que teñan como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes.