ANIMACIÓN Á LECTURA
A Feira do Libro ofrece unha ampla oferta lúdica e cultural
Venres 19 de agosto do 2005
A feira ábrese o xoves 25 de agosto co pregón ofrecido polo poeta lugués Claudio Rodríguez Fer, "o representante máximo da poesía erótica galega", tal e como o definiu o coordinador da Federación de Libreiros de Galicia, Antonio Fernández Maira. Segundo indicou, a programación da feira obedece a dous criterios fundamentais. Dunha banda están as actividades máis literarias, onde terán especial protagonismo os escritores carballeses e de toda a comarca de Bergantiños, que participarán tanto na presentación de novidades como na sinatura de libros.
Da outra, ofrécense actividades máis lúdicas, como a actuación do contacontos Cándido Pazó ou os diferentes obradoiros de animación á lectura. Haberá tamén a tradicional homenaxe a Brañas, o sábado 27, que este ano se lle dedica aos artistas plásticos da comarca. A feira pecharase o domingo 28 con diversos actos de conmemoración do quinto centenario da publicación do Quixote.
Belén Lendoiro sinalou que o obxectivo da Feira do Libro, que pechará as actividades do Verán Cultural, é promocionar o libro e a lectura entre as xentes de toda a comarca, "que a xente non lle teña medo a ler, porque a lectura permítenos crear realidades diferentes e fai que nenos e adultos se divirtan".
Antonio Fernández agradeceu, no nome da Federación de Libreiros de Galicia, o apoio do Concello de Carballo nesta nova edición da feira, que estará aberta ao público en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 21.30 horas, no Xardín municipal. Na organización colaboran tamén Caixanova e a Deputación da Coruña.