CULTURA
A música, o teatro e a maxia, protagonistas do ‘Verán Cultural’
Martes 4 de xullo do 2006
No tocante ao apartado musical, a oferta do Concello de Carballo inclúe folk galego, cun concerto de Berrogüetto, música e danza tradicional, coa celebración do Festival Folclórico de Carballo, música internacional, coas actuacións de João Afonso, Katie Graham & The Black Heritage Singers e a Troba Camagüeyana, e pop rock, coa celebración da 2.ª edición do Rock Carballo. Ademais, haberá outras actuacións musicais como as de Lamatumbá ou a primeira edición do festival Sereas e Piratas na praia de Razo. O mago Kiko e o mago Romarís ofrecerán dous espectáculos de maxia dentro dun programa que inclúe, ademais, as exposicións de Francisco Aloy, Alberto Varela Ferreiro e Ricardo Outes, e o primeiro Simposio Internacional de Megalitismo, que se vai celebrar a vindeira fin de semana no Pazo da Cultura. A concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, manifestou na presentación que "optamos pola diversidade e calidade para atraer ao público de todas as idades aos espectáculos. Queremos facer das prazas un lugar de encontro e goce do tempo de lecer, ademais de amosar o traballo das asociacións do concello e fomentar a participación". O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, engadiu que "unha vez máis Carballo é lugar de cita obrigada cunha oferta de ocio que atraerá a moita xente ao noso concello. Creo que o programa é acertado, variado e atractivo".