Deposita sempre o aceite en botellas pechadas nos contedores específicos que atoparás en distintos puntos
Venres 5 de abril do 2019
Os funís, que se adaptan ás botellas, poden solicitarse de balde na Casa do Concello
Dende a Concellaría de Medio Ambiente lembramos que están á vosa disposición en distintos puntos do núcleo urbano e tamén nalgunhas parroquias os colectores para o depósito de aceite de cociña usado, que poden utilizarse as 24 horas do día e os 365 días do ano. O aceite debe depositarse sempre en botellas de plástico pechadas.
As persoas que os precisen poden solicitar funís, de balde, na Casa do Concello. Os embudes poden colocarse nas botellas de plástico de 1, 1,5 ou 2 litros e facilitan o almacenamento do aceite nos envases, que, unha vez cheos, deben introducirse pechados nos colectores.
O obxectivo é evitar que o aceite vexetal que usamos a diario na cociña ou o procedente das latas de conservas acabe nos desaugadoiros, non só porque pode obstruír as canalizacións ou causar avarías nas depuradoras, senón, e sobre todo, porque é un importante contaminante da auga. O sistema de recollida permite darlle unha nova vida, xa que, unha vez tratado, pode ser utilizado para a fabricación de diferentes produtos.
O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, fixo un chamamento á colaboración cidadá para que entre todas e todos poidamos seguir mellorando a calidade do medio ambiente.