Inicio Carballo ao día Avisos R organiza no Fórum Carballo talleres de...

R organiza no Fórum Carballo talleres de robótica para nenos/as e unha charla sobre Internet para adultos/as

Martes 19 de febreiro do 2019

R retoma o proxecto educativo e tecnolóxico crea R para pequenos e maiores. Esta nova etapa do programa comeza o sábado 23 no Fórum de Carballo e ata final de ano haberá máis obradoiros de robótica e charlas didácticas noutras localidades galegas co alicerce das bondades que as novas tecnoloxías nos ofrecen se facemos un bo uso delas.

Os talleres de robótica, dirixidos a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos, desenvolveranse de 11:00 h a 13:00 h no Fórum de Carballo coa finalidade de potenciar a creatividade nos cativos, espertar o seu espírito emprendedor e adestralos en habelencias coma o traballo en equipo ou a oratoria.

Desta volta o proxecto é a programación e construción dunha cidade: un coche con plastilina condutiva (con luz propia), un semáforo programado ou unha barreira de acceso son algunhas das cousas que poderán artellar nestes obradoiros de dúas horas de duración onde teñen cabida ata un máximo de 30 rapaces e rapazas. A través dunha experiencia divertida, os cativos son quen de coller máis seguridade en si mesmos e de lle dar saída ao seu talento. Aí están, ademais, os valores do emprendemento e o miolo dos chamados “conceptos STEAM”: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas. Ademais, os pequenos deixan de ser meros consumidores pasivos de tecnoloxía e botan man dela creando e aprendendo.

Para acadar estes obxectivos, crea R conta coa bagaxe do método educativo de Líbolis, Pequenos Emprendedores, a única escola de emprendemento na nosa comunidade.

Bo uso das novas tecnoloxías

E mentres os máis pequenos traballan no obradoiro de robótica nun prototipo de cidade, os maiores escoitarán nun espazo contiguo, no Fórum carballés (praza dos Bombeiros Voluntarios, s/n) consellos dun pedagogo especializado para resolver dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e “millennials” poden facer da internet e das redes sociais.

A través de casos prácticos e dinámicas, pais, titores, avós ou educadores atoparán respostas a inquedanzas como, por exemplo, a que idade deben ter móbil os rapaces ou que límite de horas se lle debe poñer ao uso das pantallas. Tamén se falará da nova terminoloxía neste eido (cyberbulling, sexting, grooming...) e de como nos afecta a todos o cambio dixital.

Pilotando as sesións, pensadas para un máximo de 40 persoas, os expertos de Sherpa Digital, que intentarán botarlle luz a todas esas dúbidas dos adultos sobre a contorna dixital e a xente nova.

Actividades gratuítas con convite

Os talleres e charlas de crea R en Carballo están abertos ao público xeral, tanto a clientes coma a non clientes do operador galego. Tan só é preciso contar con algún dos convites que poden recollerse ata venres 22 na tenda R (rúa Coruña, 11).

Ambas as dúas accións de crea R, obradoiros de robótica e charlas didácticas, enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta -a través da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia)- e o seu obxectivo primeiro é estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas dende idades temperás, especialmente entre mozos e mozas, ademais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.

Compartir: