Xa podes solicitar no Museo de Bergantiños o calendario de mesa do 2019, dedicado ao pan
Xoves 3 de xaneiro do 2019
Carballo é pan. E así se reflicte no novo almanaque de mesa da Concellaría de Promoción Económica para 2019. O produto, a súa elaboración, os elementos que o compoñen… o calendario realiza un percorrido por todo isto da man da panadeira da Brea Élida Mesejo, que colaborou desinteresadamente para ilustrar o proceso de elaboración do pan. A auga, o trigo, o millo para facer a broa, moer, a fariña, o barutar, o fermento, a artesa, amasar, o isco, a pa, o miolo e a codia son as trece palabras escollidas para ilustrar os doce meses do ano e o peche do calendario, que conta con outras tantas imaxes de calidade para ilustrar a vida do noso pan.
Élida Mesejo foi debullando cada palabra –algunhas de uso cotiá, outras máis esquecidas e dignas de ser rescatadas e lembradas– nunha entrevista chea de anécdotas, achegando a súa sabedoría de anos de profesión, como a de tantas outras e outros panadeiros e panadeiras da Brea e de todo Carballo, para construír un retrato do produto que nos dá sona e que nunca falta na mesa dos veciños e veciñas.
Ademais de recoller todos os meses do ano, o almanaque conta, como en cada edición, cunha sección de teléfonos de interese do Concello, onde están recollidos os números dos edificios municipais, de seguridade, atención e asistencia ou dos medios públicos de transporte, como os taxis e a estación de autobuses.
Todos os veciños e veciñas que o desexen poden pasarse polo Museo de Bergantiños para recollelo de forma totalmente gratuíta no horario habitual de atención ao público:
- De martes a venres, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas.
- Os sábados e os domingos de feira de 11.00 a 14.00 h.
- Domingos non feirados e luns, pechado.