MEDIO AMBIENTE
Convocada unha xuntanza para coñecer as particularidades do ‘Proxecto Ríos’
Mércores 14 de xuño do 2006
O Proxecto Ríos é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos ríos. Fundaméntase na realización de inspeccións do estado dos ríos galegos por parte de persoas ou grupos voluntarios a nivel local, co obxectivo final de facerse responsábeis da vixianza (adopción) do río que pasa polo seu municipio ou localidade. Estas inspeccións realízanse como mínimo dúas veces ao ano, en base á metodoloxía e materiais de apoio proporcionados polo Proxecto Ríos que axudarán a cumplimentar as Follas de Inspección. Unha vez recibidas as Follas de Inspección na sede do Proxecto, elaboraranse informes anuais cos datos subministrados por todos os/as participantes nas distintas campañas. Posteriormente, os grupos que así o desexen poden participar no Programa de Adopción de Ríos, co que se fan responsábles, nalgunha medida, de velar polo estado de aqueles treitos de río que escollan. O papel do Concello será o de cumplir unha función pionera en canto a divulgación e asunción de proxectos que redunden nunha mellora da calidade ambiental e, polo tanto, da calidade de vida da cidadanía. O Proxecto Ríos conta, na actualidade, con cinco concellos colaboradores ademáis do de Carballo, como O Porriño, Ames, Santiago de Compostela, Lalín e Miño.
Obxectivos
Un dos obxectivos do Proxecto é a creación dunha rede de cidadáns activos e activas na protección dos ríos e que permita coñecer o seu estado de saúde e prevenir e solucionar os seus problemas. Para acadar este fin realizaranse encontros entre os distintos grupos participantes, actividades formativas, lúdicas, concursos etc. Entre os plans de futuro figura elaborar unha publicación periódica propia do Proxecto. Ademáis, fíxanse outros obxectivos como achegar a poboación ao entorno natural, concienciar da importancia de adoptar actitudes encamiñadas a protexer e mellorar o medio ambiente, traballar para mellorar a calidade dos ecosistemas fluviais, estimular e potenciar a participación cidadá na conservación do patrimonio natural, establecer unha rede cidadá activa na protección dos ríos, que permita coñecer o seu estado de saúde e prevenir e solucionar os problemas.