MEDIO AMBIENTE
O Concello solicita unha subvención para a realización de actividades de educación para a sustentabilidade
Mércores 7 de xuño do 2006
Asumindo que as entidades locais son a mellor opción para abordar inicialmente os desequilibrios que afectan ao mundo moderno e a unidade máis pequena na que os problemas poden ser debidamente resoltos de xeito integrado e sustentable, o Concello de Carballo afronta o reto da sustentabilidade desde a iniciativa Carballo 2015 Vila sustentable. É esta unha das actividades para a que se demanda a subvención, ao igual que a publicidade en distintos soportes e publicación do Compromiso de Carballo coa sustentabilidade, un punto de información, a revisión dos retos de Carballo segundo a publicación, xornadas sobre consumo e urbanismo sustentable, un curso de voluntariado e a súa participación e organización, mesas de traballo e unha enquisa de percepción cidadá da sustentabilidade. O orzamento global do proxecto ascende aos 24.800 euros.Os obxectivos que persegue a iniciativa son o de identificar o compromiso do Concello coa sustentabilidade, informar acerca das accións que no concello se estén a levar a cabo e que podan ter implicacións sobre a sustentabilidade, presentar alternativas sustentables baseadas en proxectos xa realizados noutras vilas, coñecer a percepción da cidadanía ao respecto da sustentabilidade, a capacitación xeral, específica e especificada da cidadanía para que nos seus ámbitos persoais e profesionais teñan en consideración criterios de sustentabilidade para a toma de decisións particulares ou sectoriais e, por último, a implicación da cidadanía no compromiso do Concello de Carballo pola sustentabilidade e no deseño dun Carballo máis sustentable.