Inicio Carballo ao día Avisos Aberto o prazo para inscribirse nos obradoiros do...

Aberto o prazo para inscribirse nos obradoiros do Horto Infantil Ecolóxico Municipal

Martes 5 de xuño do 2018

A Concellaria de Promoción Económica ten aberto o prazo de inscrición para os obradoiros do Horto Infantil Ecolóxico Municipal. Todas as actividades, tanto as que se desenvolven durante o verán coma as que se levan a cabo ao longo do curso escolar, son de balde.

Obradoiros de verán

Esta actividade vai dirixida a nenas e nenos que durante o curso 2017-18 cursaron Educación Primaria ou segundo ciclo de Educación Infantil. Poden participar aqueles/as que estean escolarizados/as ou empadroados/as no concello de Carballo e tamén os nenos e nenas que queden durante as vacacións escolares ao coidado dun familiar directo en Carballo. Os obradoiros de verán desenvolveranse de 10.30 a 12.00 horas do 2 ao 31 xullo en tres quendas:

  • Luns e xoves
  • Martes e venres
  • Mércores (4º de Educación Infantil)
As familias poden escoller a quenda que prefiran até cubrir o máximo de 25 prazas por obradoiro, agás no caso do alumnado de 4º de Infantil, que irá obrigatoriamente ao obradoiro específico do mércores cun máximo de 15 prazas.

Inscricións para o próximo curso

Para o curso 2018-2019 poderán participar nos obradoiros as nenas e nenos escolarizados ou empadroados en Carballo e que cursen Educación Primaria ou segundo ciclo de Educación Infantil. Neste caso, os obradoiros desenvolveranse de luns a venres de 17.30 a 19.00 horas do 17 de setembro ao 14 de xuño en tres quendas:

  • Luns e xoves
  • Martes e venres
  • Mércores (4º de Educación Infantil)
Os nenos e nenas de 4º de Educación Infantil comezarán o obradoiro o mércores 20 de febreiro coa fin de non interferir no proceso de adaptación escolar.

Solicitudes

As solicitudes de inscrición para calquera dos obradoiros poden presentarse do 1 ao 18 de xuño a través do Rexistro Municipal presentando, debidamente cuberto, o formulario que pode descargarse ao final desta nova ou recollerse no Museo de Bergantiños de 11.00 a 14.00 horas, así coma de 16.30 a 19.30 horas nas instalacións do Horto Infantil na rúa Nardos. 

As familias poden escoller a quenda que prefiran ata cubrir o máximo de 25 prazas por obradoiro. O alumnado de 4º de Infantil irá obrigatoriamente ao obradoiro específico do mércores cun máximo de 15 prazas. As solicitudes atenderanse por orde de inscrición. No caso de cubrirse todas as prazas elaborarase unha listaxe de agarda para cubrir posibles baixas.

Toma nota!

  • Debido á falta de luz no inverno, farase unha parada na actividade do 26 de outubro ao 18 de febreiro.
  • Todos e todas as participantes deberán traer roupa e calzado axeitado, auga e protección solar, se procede, xa aplicada na casa.
  • Lembramos que todas as actividades organizadas no Horto Infantil son gratuítas.

Descargas

Compartir: