URBANISMO
Novos informes valorarán a información do proxecto do aparcamento soterrado e reforma do mercado municipal
Xoves 1 de xuño do 2006
A mesa de contratación optou pola solicitude do informe a expertos na materia dada a complexidade do proceso de licitación. O criterio que se seguiu foi meremente técnico e non político e non existe prazo para a presentación do informe. En virtude do mesmo, poderá saberse se a documentación aportada pola empresa Surtiser compre cos requisitos do prego ou non. En caso afirmativo, procederase á apertura do segundo sobre, que contén o anteproxecto para o aparcamento e o edificio comercial. Se a mesa de contratación acepta a oferta, a empresa disporá de tres meses para elaborar o proxecto definitivo. A mesa estivo presidida polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e participaron da mesma os concelleiros de Facenda, Urbanismo e Comercio, un representante do grupo municipal do PP, o arquitecto municipal, a interventora, o secretario do Concello, un técnico da área de Urbanismo e un funcionario que exerceu como secretario. Con voz, pero sen voto, participaron da mesa os delegados dos actuais concesionarios do mercado e do Centro Comercial Aberto. Tamén asistiu á xuntanza o asesor Juan Pérez.