Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 300 escolares de Carballo...

LINGUA

Máis de 300 escolares de Carballo participarán na Coruña no Correlingua

Martes 23 de maio do 2006

O escritor e animador Xabier P. Docampo será o encargado de ler o manifesto e logo actuará Alberto Momán e o espectáculo do Xabarín Club. Tamén haberá un concurso de pancartas e sorteo de agasallos para as nenas e os nenos participantes. Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país. É unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro. A carreira que terá lugar mañá na cidada de Coruña é a última deste ano, que durante o mes de maio xa pasou por Santiago, Fene, A Mariña, Lugo, Ourense, Baixo Miño, Vigo, Pontevedra e O Salnés. Esta iniciativa está organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), pola CIG-Ensino, pola Mesa pola Normalización Lingüística e polos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino participantes, coa colaboración da TVG e de diferentes concellos galegos, entre eles, o Concello de Carballo.

Compartir: