Instalado no edificio de Servizos Sociais un punto de información do Servizo Público de Emprego de Galicia
Martes 21 de novembro do 2017
As persoas interesadas teñen á súa disposición un Punto SPEG no edificio de servizos sociais, situado na praza do Médico Mariño (antigo ambulatorio). Trátase dun posto de autoservizo que achega e facilita a comunicación entre o cidadán e o Servizo Público de Emprego de Galicia, ao tempo que permite realizar certas xestións sen necesidade de acudir a unha oficina de emprego.
O Punto SPEG permite renovar a demanda de emprego mediante pegada dactilar, acceder ás ofertas de traballo ou ás páxinas web dos diferentes servizos públicos de emprego autonómicos e estatal. Sen embargo, para poder renovar a demanda debe acudirse previamente á oficina de emprego para rexistrar a pegada dactilar e así darse de alta no sistema, pero a partir dese rexistro xa se poderá operar desde calquera punto de información da comunidade autónoma.