Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello apoia a celebración do Open...

DEPORTES

O Concello apoia a celebración do Open Internacional de Billar en Carballo

Xoves 11 de agosto do 2005

O Goberno municipal considera prioritaria a promoción de "congresos e actividades de pequeno formato en Carballo" posto que supón un elemento máis de dinamización turística da zona, segundo explicou o concelleiro delegado de Medio ambiente, Turismo e Xuventude, Manuel Luis Pan. De feito, este torneo está considerado un dos mellores que se celebran na Península Ibérica e nel participarán xogadores de toda España e de Portugal.

O Open Internacional de Billar está organizado polo clube Bola ocho punto com, que comezou a celebrar esta actividade no ano 1999, e co que obtiveron moi boa acollida de público. A edición deste ano conta con dúas categorías, mixta e feminina, para a modalidade de xogo Bola 8.

Actualmente a práctica deste deporte está moi arraigada na comarca de Bergantiños. Existen xa arredor de 20 locais dotados do equipamento específico para a iniciación e a práctica do billar. Calcúlase que hai arredor de 260 xogadores nesta zona, moitos deles federados e participantes habituais de torneos locais, nacionais e internacionais.

Os premios

Os organizadores entregaránlle a todos os xogadores un recordo do torneo, posiblemente de cerámica de Buño. Na categoría mixta, o primeiro premio é de 2.000 euros, o segundo de 1.500 e o terceiro de 1.000, todos eles obterán ademais un trofeo acreditativo. A partir de aí as cantidades baixan dende os 500 euros que conseguirá o cuarto clasificado ata os 70 euros destinados aos xogadores que obteñan os postos do 49 ao 64.

Na categoría feminina, os premios serán de 500 euros para a primeira clasificada, 400 para a segunda e 300 para a terceira, máis trofeo. O cuarto premio é de 200 euros, o quinto e o sexto de 100, o sétimo e o oitavo de 60 e, para os postos do nove ao doce, o galardón será de 50 euros.

Compartir: