Inicio Carballo ao día Hemeroteca Ana Rodríguez e Ramón Vilar...

LINGUA

Ana Rodríguez e Ramón Vilar gañan o II Premio a artigos xornalísticos normalizadores

Mércores 10 de maio do 2006

Ana Rodríguez Barreiro naceu en 1978, é de Lugo e é funcionaria do corpo de profesores de ensino secundario. O seu artigo, Sinfonía en galego maior, destaca pola súa calidade e sonoridade, e nel analízase a transmisión interxeracional da lingua e faise un chamamento ao uso do galego como lingua do país. Ramón Vilar Landeira naceu en 1973 e é de Cerceda. É licenciado en Filoloxía Galega e traballa no mundo do xornalismo. Foi colaborador habitual da edición Carballo de La Voz de Galicia, onde mantiña a sección Radiografías, e na actualidade traballa como redactor en El Faro de Vigo. Tamén e autor de narrativa e poesía e gañou varios premios nestes xéneros. O seu artigo, Un idioma na cetaria analiza o problema da diglosia.
O xurado estivo composto por Xosé Ramón Freixeiro Mato, lingüista e profesor do Departamento de Galego-portugués da Universidade da Coruña, Mercedes Queixas Zas, mestra e escritora, secretaria xeral da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, Olga Patiño Abeixón, gañadora da pasada edición do premio, dinamizadora sociolingüística e socia da Cooperativa Tagen Ata de Lingua e Comunicación e Nel Vidal Barral, como secretario, en nome e representación do Concello de Carballo, con voz e sen voto. A entrega de premios terá lugar o día 18 de maio, no transcurso dunha mesa redonda sobre Os medios de comunicación escrita en galego, na que participarán os seguintes membros da Asociación de Medios Escritos en Galego (AME): Lois Rodríguez, editor do xornal dixital Vieiros, Xavier Cea, subdirector do xornal Galicia Hoxe, Guillermo Rodríguez, director de A Peneira e Belén Puñal, coordinadora de Tempos Novos. O acto terá lugar ás 20.30 h no Pazo da Cultura de Carballo.

Compartir: