VERÁN CULTURAL
Un espectáculo de pallasos e a música de Marful animan Carballo na fin de semana
Venres 12 de agosto do 2005
O espectáculo de Manicómicos, A troupe dos Milagrini, está baseado na tradición do clown italiano e conforma outra das fortes apostas lúdicas do Concello dedicadas aos máis pequenos. A obra conta as aventuras dun grupo de pallasos que traballan nun circo ata que se ve obrigado a pechar por falta de cartos.
A proposta musical para a noite do venres é o grupo Marful. A voz de Ugia Pedreira, a que fora voz do grupo folk Chouteira, únese á profesionalidade de Pedro Pascual e Pablo Alonso - compoñentes do grupo Laio - e ao reputado guitarrista Marcos Teira.
A proposta musical deste grupo combina elementos tradicionais e contemporáneos, acústicos, eléctricos e ritmos de diferentes tradicións musicais. O jazz, o folk e a nova composición envolven letras sociais e irónicas que amosan a sinceridade da voz de Marful.
Estas dúas actuacións forman parte da programación do Verán Cultural, que organiza a concellaría de Cultura, Ensino e Normalización lingüística. No espectáculo de Manicómicos colabora a Deputación da Coruña, mentres que no concerto de Marful participa o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais da Xunta de Galicia.