Inicio Carballo ao día Hemeroteca Cultura deseña un extenso programa para...

CULTURA

Cultura deseña un extenso programa para conmemorar as Letras Galegas

Xoves 4 de maio do 2006

A Biblioteca Infantil e Ludoteca Municipal acollerán obradoiros de animación á lectura para nenos/as os venres 5, 12 e 26 de maio, ademáis dunha sesión de contacontos de Ulalume o venres día 19. Mañán, 5 de maio, inaugúrase a exposición de Manuel Facal Morfogénesis no Pazo da Cultura, a partir das 20,00 horas e, ás 21 horas, tamén no multiusos carballés, Brais Fernández fai un recital dramatizado sobre Lugrís Freire, o homenaxeado no Día das letras Galegas deste ano. O sábado 13 de maio continúa a programación cunha ruta polas parroquias costeiras de Carballo e a representación teatral, a cargo do Teatro do Morcego, de A farsa de Bululú. A obra terá lugar no Pazo da Cultura, a partir das 21,00 horas, e o prezo da entrada é de 2,5 euros. A mesma obra representarase o luns, 15 de maio, para os alumnos de 1º, 2º e 3º de ESO, actividade previa ao Festival das Letras Galegas, que se celebrará no CEIP Bergantiños o martes 16 de maio, organizado pola Asociación Cultural Lecer. O día propio das Letras Galegas, o 17 de maio, celebrarase o xa tradicional Oito Horas Lendo na Praza do Concello, de 11,30 horas a 19,30 horas. Os interesados en participar deste maratón de lectura poden inscribirse no Pazo da Cultura. A partir das 20,00 haberá un concerto da banda Municipal de Carballo no Pazo da Cultura e, pola mañán, a partir das 11,00 horas, a Asociación Cultural Lumieira organiza o XXVI Concurso Infantil de Pintura. O xoves 18 de maio terá lugar a entrega de premios do II Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores Concello de Carballo, a partir das 20,30 horas no Pazo da Cultura. Ao día seguinte, o venres 19 de maio, a Asociación Cultural El Ceibo organiza o I Festival Musical Dúas Veiras, coa participación de agrupacións musicais uruguaias e galegas a partir das 20,00 horas no Pazo da Cultura. O teatro volve a escea o sábado 20 de maio, coa represntación de Unha pandilla de pillas e O Calzonazos a cargo de Vagalume Teatro no Pazo da Cultura, a partir das 21,00 horas. Os escolares de Carballo participarán o día 24 de maio no Correlingua en A Coruña. Os últimos actos a desenvolver no programa, do que tamén participan diferentes asociacións, serán unha viaxe Andando a Terra Carballo-Ferrol-Ribadeo-Mondoñedo, organizada por Lumieira o día 27 de maio. O día 28 de maio, Arume organiza os Encontros Culturais Arume, cun festival de Música e Baile Tradicional. Ademáis, e coincidindo coa celebración do Día de Internet o 17 de maio, o Servizo de Normalización Lingüística editará a guía de recursos Os meus favoritos para presentar páxinas webs en galego. Entregarse aos centros educativos, bibliotecas, asociacións e participantes no ‘Oito Horas Lendo’.

Compartir: