CULTURA
Remata o programa cultural previsto para o primeiro cuatrimestre do ano
Luns 24 de abril do 2006
O martes 25 e o mércores 26 a compañía madrileña La Canica realizará catro representacións da obra El elefantito, dentro do programa Teatro na Escola e dirixido aos alumnos de 2º ciclo de Educación Infantil e 1º e 2º ciclo de Educación Primaria dos centros educativos de Carballo. El elefantito está baseado no conto El pequeño Elefante de R. Kipling, no que o personaxe do elefantito atopará na selva diversos animais e irá descubrindo o mundo coas súas distintas formas, sons, cores e movementos. A obra foi premiada recentemente no Festival de Teatro Infantil máis importante de España, FETEN, co premio ao mellor espectáculo de títeres do ano 2006.
O venres 28, pola mañá, terá lugar unha nova función de teatro para escolares, neste caso dirixida aos alumnos de 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato coa compañía Teatro do Adro, que representará a obra García. Esta mesma obra ofrecerase para o público en xeral o venres ás 21,00 horas. As entradas poden reservarse no Pazo da Cultura, no teléfono 981704300, e o seu prezo é de 2,5 euros.
Conferencia
O programa cultural desta semana inclúe tamén unha conferencia, que terá lugar o xoves 27 a partir das 21,00 horas. A conferencia titúlase El Prado fuera del Prado e nela organizase un percorrido pola pintura que se pode atopar neste centro cultural. A actividade está organizada pola Área de Educación do Museo Nacional do Prado, en colaboración coa Fundación Caixa Galicia, e realízase coincidindo coa exposición El retrato español en el Prado. Del Greco a Goya que se pode visitar en Santiago de Compostela ata o 14 de maio. A entrada á conferencia é libre.