MELLORAS NOS AREAIS
O novo aparcadoiro de Razo contará con 341 prazas
Mércores 10 de agosto do 2005
O Concello ten varios proxectos en marcha na zona de Razo. O alcalde, Evencio Ferrero, destacou que "só no litoral carballés, o Goberno municipal ten previsto facer un investimento de tres millóns de euros".
A mellora do aparcadoiro de Arnados é a primeira das accións previstas polo Concello para acondicionar o espazo Razo - Baldaio, o principal atractivo lúdico - turístico de Carballo. Este espazo deteriorábase cada inverno a causa da chuvia, polo que o Goberno municipal tiña que amañalo cada verán.
Co novo aparcadoiro que está a piques de rematar, o Goberno pretende mellorar os servizos deste areal que, un ano máis, conta co galardón bandeira azul da Comunidade Europea, así como potenciar a chegada dos visitantes no verán.
O espazo Razo - Baldaio pertence á Rede Natura 2000, foi declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e, ademais, é un espazo de especial protección para as aves, ZEPA.