LINGUA
O Concello presentou un obradoiro de integración lingüística e cultural para inmigrantes e emigrantes retornados
Luns 10 de abril do 2006
Os obxectivos que persegue o obradoiro son os de facilitarlles a integración na sociedade galega e carballesa aos/ás emigrantes retornados/as e aos/ás inmigrantes, ademais dunhas nocións básicas para a comprensión oral e escrita da lingua galega e outras para a fala e escrita. Igualmente, trátase de darlles a coñecer a historia e situación de Galicia e de Bergantiños, da sociedade, da cultura e, nomeadamente, da lingua. Os destinatarios do obradoiro son emigrantes retornados/as e inmigrantes que vivan na comarca de Bergantiños. Os contidos do obradoiro son moitos e variados, xa que abranguen desde as nocións básicas para a comprensión da lingua galega escrita, da lingua galega oral, para a escrita e fala en lingua galega, até a historia de Galicia e Bergantiños, sen esquecer a evolución da lingua galega, a prensa, música, cine, teatro ou internet en galego. A duración do curso é de 30 horas, repartidas en 15 sesións de 2 horas cada unha e a inscrición pódese facer de balde no Pazo da Cultura até o 25 de abril. A matrícula é individual e respectarase a orde de inscrición. O modelo de solicitude pódese recoller no Pazo da Cultura ou descargarse aquí.
Outros cursos
Ademais do obradoiro de integración lingüística e cultural para inmigrantes e emigrantes retornados/as, o Concello presentou outros cursos de lingua galega enmarcados na oferta da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta. Trátase dun curso de galego oral, que se vai desenvolver desde o 5 de xuño até o 3 de agosto -de luns a xoves, de 12.00 h a 14.00 h-. Nas mesmas datas impartirase un curso de iniciación -de luns a xoves, de 19.00 h a 21.00 h-, e o 4 de setembro comezará outro de perfeccionamento, que se desenvolverá até o 25 de outubro -de luns a xoves, de 19.00 h a 21.00 h-. As anotacións deben facerse no rexistro do Pazo da Cultura, os días laborables de 10.00 a 13.30 horas.
O prazo de inscrición para os cursos de galego oral e de iniciación remata o 26 de maio, e o modelo de solicitude pode descargarse aquí. Para o de perfeccionamento hai prazo até o 25 de agosto.