Inicio Carballo ao día Hemeroteca O cónsul do Uruguai atendeu en Carballo a...

DESPACHO CONSULAR

O cónsul do Uruguai atendeu en Carballo a 90 persoas dende maio

Luns 8 de agosto do 2005

"Estamos a evitar que a xente se teña que trasladar a Santiago, co que aforran tempo e cartos, e iso xa é un importante éxito", explicou Gonzalo Koncke. O cónsul destacou que no primeiro dos encontros organizados xunto co Concello recibiuse a visita de preto de 60 interesados, aínda que no despacho do 6 de agosto a cifra baixou a 25. Gonzalo Koncke asocia este dato coa escasa actividade propia do mes de agosto, ao tempo que confía en incrementar a cifra en breve.

O cónsul sinala que as consultas máis frecuentes son as relacionadas coa solicitude ou renovación de pasaportes, ademais de todos os trámites relacionados coas xubilacións, como información sobre a suma dos anos traballados nos dous países. "Moitas veces as consultas son de carácter persoal", indica o cónsul, que confía en que o servizo se siga a ofrecer durante os próximos meses.

As visita do cónsul vénse facendo periodicamente dende o pasado mes de maio, debido á importancia que ten este colectivo de inmigrantes non só neste concello senón tamén en toda a comarca de Bergantiños. Tan só en Carballo o número de cidadáns con nacionalidade uruguaia é moi amplo, un total de 254, sobre os 608 estranxeiros residentes no municipio.

A poboación de Carballo está a medrar considerablemente nos últimos meses, o 27 de xullo acadábase o habitante número 30.000 e a día 8 de agosto xa constan 14 persoas máis no padrón municipal.

Compartir: