Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Pazo da Cultura acolle a primeira ‘Semana do...

CULTURA

O Pazo da Cultura acolle a primeira ‘Semana do libro e a lectura’

Xoves 30 de marzo do 2006

O tema principal que subxace baixo as distintas actividades é o da lectura, instrumento potentísimo e insustituíbel para a aprendizaxe e tamén como ferramenta básica para comprender o mundo e analizar a realidade. Por isto, a primeira Semana do libro e a lectura dedicará unha parte importante ao traballo directo cos alumnos e alumnas en diferentes obradoiros. Estes celebraranse polas mañás e son un total de sete, dirixidos a alumnos de Educación Infantil, 1º, 3º e 5º de Educación Primaria, 1º de ESO e 1º de Secundaria. Haberá obradoiros de banda deseñada, de expresión teatral, de creación literaria, de música, de animación, contacontos e ‘El conta o que nós debuxamos’.

Tódolos días, a partir das 18,00 horas, celebraranse contacontos para os nenos e nenas, coa Compañía trinke Trinke o luns, Lorena Maceiras e Chus Álvarez o martes, xoves e venres, co alumnado do Ciclo Superior de Educación infantil do IES Anxel Casal o mércores e cunha última sesión o sábado a partir das 12,00 horas.

Os Encontros co profesorado celebraranse en horario de 18,00 horas a 20,00 horas de luns a xoves e de 20,00 horas a 22 horas o venres. Teñen como obxectivo básico a adquisición de coñecementos e estratexias para fomentar no alumnado o gusto pola lectura e proporcionar ferramentas capaces de implicar ao alumnado na expresión escrita de sentimentos, acontecementos e vivencias. Os temas que aboradarán os encontros co profesorado son a literatura galega na rede, crear creadores, a animación á lectura, o papel das bibliotecas escolares e un encontro con Xurxo Souto, destinado a falar de música e literatura. Estas actividades son abertas ao público en xeral.

As actividades para nais e pais celebraranse o mércores e xoves, de 18,00 horas a 19,00 horas, coincidindo coa sesión de contacontos para os nenos e nenas. Dentro do programa Aprender para Educar dirixido a pais e nais, realizaranse dous obradoiros prácticos, con recomendacións, libros máis interesantes para cada idade e estratexias para achegalos á lectura.

As exposicións permanentes abranguen diferentes aspectos, como unha de libros cedidos polas editoriais, outra de libros feitos por alumnos e alumnas, unha de orixinais de ilustradores galegos e outra adicada a Manuel María. O horario de visita das exposicións será de luns a venres de 10,00 a 14,00 horas para os centros de ensino, previa reserva, e de 17,00 horas a 20,00 horas para o público en xeral. O sábado 8 de abril permanecerá aberta de 10,00 horas a 14,00 horas e de 16,00 horas a 18,00 horas.

Compartir: