POLÍGONO INDUSTRIAL
O novo parque empresarial de Carballo contará con 168 parcelas
Venres 5 de agosto do 2005
Aínda que o número de parcelas recollido no proxecto é só indicativo, prevese que a maioría delas conten cunha superficie de entre 1.000 e 2.000 metros cadrados, aínda que se contemplan sete unidades que superarán os 5.000. Das parcelas restantes, 30 contarán cunha superficie de entre 2.000 e 5.000 metros cadrados, e 64 serán as que estean entre os 500 e os 1.000.
O proxecto sectorial do parque empresarial de Carballo contempla tamén a creación de espazos libres e zonas verdes, para os que se reservan 123.678 metros cadrados, así como a construción de vías e aparcadoiros. O número de prazas públicas de aparcadoiro no polígono será de 1.712.
Investimento
Unha vez entre en vigor o proxecto sectorial entrarase na fase de execución do polígono, na que se inclúen a expropiación de terreos e a construción. Destinaranse 4.380.000 euros para a adquisición dos terreos.
O investimento previsto para a urbanización interior da zona será de 11.675.508 euros, para as conexións exteriores destinaranse 2.401.723 euros e a cantidade que se dedicará aos traballos técnicos será de 865.000 euros.
Rematado o período de exposición pública, o luns 8 de agosto, á vista das alegacións que se poidan producir, introduciranse as modificacións pertinentes e someterase á Consellaría de Política territorial, Obras públicas e Transporte, que emitirá o seu informe preceptivo nun prazo máximo de dous meses.