CONVENIO TEMPORAL
Os veciños de Berdillo gozarán da cesión do teleclube durante 25 anos
Xoves 4 de agosto do 2005
O teleclube de Berdillo é propiedade do Arcebispado de Santiago e estaba a ser utilizado como local social da agrupación cultural Arume, da asociación xuvenil Arume e da asociación de pensionistas e xubilados (U.D.P.). Debido á intensa actividade que veñen desenvolvendo estas agrupacións na parroquia, o Concello entendeu que debía apoiar as iniciativas veciñais facendo posible un convenio de cesión temporal coa Igrexa.
A promoción das actividades culturais, deportivas e outras de carácter social que realizan estas asociacións supoñen un maior desenvolvemento e benestar da poboación rural, e dende o Concello considérase que "resulta de interese municipal colaborar coas mesmas para facilitar a súa actividade e o mantemento e mellora das súas instalacións para fomentar o asociacionismo e o desenvolvemento da zona rural".
O Concello de Carballo promoverá a creación dun órgano conformado por representantes municipais, da Igrexa e das asociacións de Berdillo co obxectivo de regular o uso e a organización de actividades no teleclube.
Obras no rural
A Xunta de Goberno local celebrada o 4 de agosto aprobou tamén un convenio de cooperación entre a Consellaría de Política agroalimentaria e Desenvolvemento rural e o Concello de Carballo para a realización de obras de infraestrutura rural.
As obras refírense á mellora do afirmado de camiños no municipio: os tramos Camiño de San Miro - Ponte de Queo, Ponte de Queo - Porto da Rama, e outros. A Consellaría ten previsto un investimento de 115.720 euros e prevé a realización das obras no prazo de tres anos.