Inicio Carballo ao día Hemeroteca O colectivo Danzón trae o seu...

VERÁN CULTURAL

O colectivo Danzón trae o seu espectáculo de baile a Carballo

Venres 5 de agosto do 2005

Unha viaxe pola danza é unha mestura de diferentes ritmos empregados para narrar a evolución do baile ao longo da historia e o xeito en que acompaña as persoas dende o seu nacemento ata a súa morte.

Diferentes parellas sucédense no escenario para interpretar ritmos de todo tipo, como vals, polca, tango europeo, cabaret, flamenco, bolero, charleston, tango arxentino, milonga e samba, que ilustran a narración que conduce o espectáculo. As formacións de bailaríns oscilan entre unha persoa ou unha parella ata dezaseis persoas en escena, combinando bailes en grupo con actuacións individuais.

Os venres culturais son os eventos estrela do Verán Cultural 2005 de Carballo, no que o Concello fixo unha clara aposta pola variedade e o intento de chamar a atención do máximo número de persoas posibles. Tralo paso de bandas tan prestixiosas como the Wild Magnolias ou Charmaine Neville, a música de Mercedes Peón ou a maxia de Luís de Matos, é o momento de que o baile chegue a Carballo.

Danzón é un colectivo formado en Santiago de Compostela en1995 como unha cooperativa de persoas interesadas pola danza e, en especial, polo baile de salón. Un dos seus obxectivos é a organización de cursos formativos en todas as especialidades existentes no baile.

Compartir: