COMUNICACIÓN
A web municipal recibiu 4.000 visitas en xullo
Martes 2 de agosto do 2005
O número de visitas que se producen de luns a venres poden chegar a superar as 200, mentres que durante a fin de semana a cifra disminúe considerablemente. A axenda de Carballo, na que se inclúen os actos aos que asiste o seu alcalde, Evencio Ferrero, é un dos sitios máis visitados polos usuarios.
O espazo dedicado ao Turismo é outro dos preferidos polos visitantes. Nel pódese atopar información sobre como chegar a Carballo e a oferta turística que ofrece, o patrimonio natural e histórico ou as características dos areais. O terceiro dos apartados con máis número de usuarios é o denominado Os servizos, unha parte moi ampla da web no que se inclúen informacións sobre temas como cultura, deportes, urbanismo, emprego ou servizos sociais.
O 1 de xullo presentouse a nova páxina web municipal, que supuxo unha profunda renovación da súa aparencia gráfica e navegabilidade. O Concello apostou pola accesibilidade do sitio e pola ampliación e a reorganización dos seus contidos, para evitar a dispersión dos usuarios da páxina e facilitar a súa busca de información.
Entre as melloras introducidas na páxina está a posibilidade de subscrición que teñen os usuarios, que lles permite recibir puntualmente as novidades do Concello no seu correo electrónico. Carballo.org, ademais de ofrecer información sobre a institución local e a zona, facilita outras prestacións como a posibilidade de descargar impresos, revisar as ordenanzas, solicitar cita previa cos técnicos da administración local ou mesmo poñerse en contacto co rexedor de Carballo no apartado "Liña directa co alcalde".
O Concello entende que a web municipal supón "un importante avance nas relacións da administración local cos cidadáns, xa que presta servizos a través das novas tecnoloxías da información e permite unha comunicación máis próxima e eficaz", e confíase en que o número de usuarios siga a aumentar nos próximos meses.