COMUNICACIÓN
O alcalde presenta a nova web municipal
Venres 1 de xullo do 2005
A nova web supón un importante avance nas relacións da administración municipal cos cidadáns, un novo concepto da atención ao cidadán, posto que moitos dos servizos básicos están á disposición dos usuarios as 24 horas do día. A intención do goberno municipal é poñer servizos administrativos a disposición dos usuarios de internet, con criterios de calidade, rigorosidade e inmediatez, de cara a axilizar as xestións municipais. Carballo súmase así aos avances da administración electrónica cun persoal cualificado e iniciado no manexo das novas tecnoloxías cos obxectivos de optimizar os recursos municipais e de implementar os servizos destinados a mellorar a calidade de vida dos veciños a través da rede. "Queremos que funcione como unha extensión da administración, que supoña un novo xeito de achegamento á cidadanía", sinalou Pan.
Os contidos que ofrece a páxina pretenden servir de fonte para os profesionais dos medios de comunicación, para os responsables das asociacións e para os interesados nos actos organizados polo Concello de Carballo. A vantaxe de ofrecer información a través da rede radica na inmediatez de transmisión dos acontecementos aos usuarios da web e na posibilidade de actualización das novas municipais segundo o seu desenvolvemento.
Os colectivos veciñais, culturais, sociais e deportivos tamén dispoñen dun espazo propio para a difusión do seu labor, de xeito que se potencia o tecido asociativo dende o Concello co fin de crear unha comunidade en rede. Todos aqueles interesados en coñecer as actividades municipais teñen opción a subscribirse no boletín de novas para recibiren puntualmente nos seus correos electrónicos as últimas noticias, avisos e actos de axenda.
A páxina foi creada pola empresa Acordar, Comunicación en internet, con ampla experiencia na elaboración de webs municipais como a dos concellos de Santiago de Compostela, Vigo ou Ortigueira.