XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Aprobadas as bases do II Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo
Luns 20 de febreiro do 2006
Poderán participar neste concurso de xeito individual todas aquelas persoas que o desexen, cun único artigo que será inédito e deberá estar escrito en galego seguindo a normativa oficial. Os artigos presentados deberán ter entre 3.500 e 4.500 caracteres con espazos incluídos e deberán presentarse nun sobre grande pechado, baixo pseudónimo e por cuadriplicado no Rexistro de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística do Concello de Carballo (Pazo da Cultura) ou por correo certificado en sobre pechado, facendo constar no remite o pseudónimo empregado e na parte dianteira: II Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2006. Rexistro de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística. Pazo da Cultura, 1º andar. Rúa do Pan s/n. 15100 Carballo. O prazo de admisión de artigos comezará o 6 de marzo e rematará o 21 de abril de 2006. O primeiro premio consistirá en 900 euros e a publicación do artigo en todos os medios colaboradores do premio. O segundo premio consistirá en 300 euros e a publicación do artigo en todos os medios colaboradores do premio.
Rede de Saneamento
A Xunta de Goberno Local aprobou, ademais, o Prego de Cláusulas Administrativas Particulares que rexerá a adxudicación, mediante concurso e procedemento aberto, de seis obras na rede de saneamento en Oza, Queo, Castelo, Rapadoiro, Paradela e Cances da Vila. As empresas interesadas poderán presentar as súas proposicións nos 26 días naturais seguintes á inserción do anuncio no BOP, ordeada na xuntanza. As seis actuacións foron incluídas no Plan de Investimentos Locais da Deputación da Coruña.
Outros acordos
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o programa de actividades culturais que a Concellaría de Cultura desenvolverá para a celebración do Antroido e unha nova alta de vao permanente, este na rúa Miño. Tamén acordou abrir un prazo de vinte días para a presentación de solicitudes das agrupacións musicais de Carballo para subscribir o Convenio de actuacións musicais a favor de grupos de música e danza tradicional, masas corais, orquestras, conxuntos e bandas de música.