SOLIDARIEDADE
O Concello anima os veciños a participar na doazón de sangue
Venres 29 de xullo do 2005
Coa campaña de doazón de sangue, o Concello trata de promover a participación dos carballeses para atender unha demanda importante por parte dos centros sanitarios galegos durante os meses de verán, que van a precisar arredor de 32.000 doazóns de sangue. Contarase tamén coa axuda do equipo de Protección Civil, que ofrecerá información sobre a campaña "Comparte saúde. Doa sangue", en todas as praias.
Unha das estratexias promovidas dende o propio Concello é a de entregar información sobre a importancia da doazón a todos aqueles cidadáns que decidan empadroarse en Carballo. Ademais, continuarase a enviar información a todos os veciños que cumpran os 18 anos, "para que entendan que ao chegar a unha idade é preciso adquirir tamén compromisos sociais", indicou o alcalde.
O pasado ano 2004 houbo en Carballo 1.384 doazóns, o que permitiu acadar o índice de doazón de sangue recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), arredor de 49 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, por riba da media galega. O obxectivo do Centro de Transfusión con esta campaña de verán é manter e incrementar esta taxa de doazón, co que Carballo seguiría a ser un dos municipios máis solidarios de Galicia.
As persoas que desexen participar poden acudir á unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia que vai estar na Praza do Concello de Carballo o luns 1 e o martes 2 de agosto, en horario de 10.00 a 14.00 horas, e de 16.00 a 21.00 horas.