MANTEMENTO
Comezan os traballos de limpeza das pistas do rural
Martes 2 de agosto do 2005
O Concello conta con catro equipos traballando noutras tantas parroquias para desbrozar as pistas de acceso aos seus núcleos de poboación. Actualmente trabállase en Aldemunde, Sofán, Razo e Rus, e a intención dos responsables é a de limpar todas as pistas do rural que estean asfaltadas no resto das parroquias de Carballo "na orde en que se vén facendo en anos anteriores", explicou o concelleiro de Servizos e Mantemento, Luis Lamas.
A limpeza destes accesos forma parte das tarefas de mantemento que cada ano realiza o Concello para mellorar os accesos nos núcleos rurais. Os equipos municipais acaban de rematar o desbrozado do contorno da área urbana e, durante o inverno, dedicaranse ao mantemento daquelas pistas que se atopen sen asfaltar, para evitar na medida do posible, a aparición de incendios cando chegue de novo o verán.