Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello distribuirá 5.000 discos para a...

INCREMENTA O TEU INTERESE

O Concello distribuirá 5.000 discos para a Zona Azul de aparcamento

Xoves 19 de xaneiro do 2006

A campaña Incrementa o teu interese comezou a desenvolverse en outubro de 2005 cos obxectivos de mellorar e promocionar a calidade do comercio de Carballo e de estender o uso do galego neste sector, e até o momento xa se desenvolveron accións informativas sobre as vantaxes do uso do galego no ámbito socioeconómico, accións formativas dirixidas ao empresariado (Obradoiro de estratexias de atención ao público e Curso para a optimización da comunicación empresarial), conferencias, distribución de materiais para os comercios, etc. Coa distribución destes discos para a sinalización do aparcamento nas zonas de horario limitado procúrase facilitarlle á cidadanía un material en galego, atractivo, práctico e demandado, ademais de seguir difundindo a campaña e promocionando, en xeral, o uso do galego.

Lémbrase que, segundo o artigo 6 da Ordenanza reguladora do estacionamento de horario limitado en zona azul, "o condutor ou condutora, ao estacionar, ten a obriga de colocar o disco de control no parabrisas do seu vehículo, no lado máis próximo á beirarrúa" e que "o disco de control consiste nunha pequena roda de aproximadamente 11 x 11 cm, onde na ventá da esquerda deberá figurar a hora de chegada que fixará o/a condutor/a ao xirar o disco e automaticamente aparecerá na ventá da dereita a hora límite á que ten que abandonar o lugar, de acordo coa franxa horaria establecida na ordenanza".

Os discos pódense recoller nas oficinas da Policía Local e nas oficinas do Pazo da Cultura, mais tamén se fará proximamente unha distribución entre os establecementos do municipio.

Compartir: