Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo experimentou un notable crecemento de...

BARÓMETRO MUNICIPAL

Carballo experimentou un notable crecemento de poboación en 2005

Mércores 11 de xaneiro do 2006

Os datos de padrón do Barómetro Municipal confirman a existencia de crecemento vexetativo, é dicir, hai máis altas por nacemento que baixas por defunción. As altas son por procedencia doutros concellos e do extranxeiro. No tocante á procedencia doutros concellos, Coristanco e A Coruña sitúanse á cabeza con 86 e 83 altas respectivamente. No tocante ao destino, Malpica e A Coruña son os máis elixidos polas persoas que causaron baixa en Carballo -22 en cada un dos casos-. Pese a todo, Carballo arroxa saldo positivo con calquera dos concellos nos que houbo movemento de altas e baixas. No tocante ás altas por procedencia do extranxeiro destaca o crecemento da colonia uruguaia, con 259 habitantes. O descenso máis acuciante é o dos romaneses, que pasan de 44 habitantes en 2003 a 18 habitantes en 2005. O casco urbano de Carballo foi a que máis altas causou, mentres que o conxunto das parroquias perderon 50 habitantes. Á cabeza sitúase Rus, con 16 baixas, seguido de Razo con 8. O ascenso máis notable deuse en Bértoa, con 19 altas. No referente ás vivendas, contabilízanse 10183 habitadas por xente empadroada en Carballo. As vivendas dun solo habitante (1.800) subiron nun 1,68%, crecemento que tamén experimentaron as de 2, 3 e 4 habitantes. As de 5 e 7 habitantes, pola contra, baixaron. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou na presentación do Barómetro Administrativo Municipal que "todo apunta a que en 2006 este crecemento vaise a consolidar ou a incrementar".

Compartir: