SANEAMENTO
O Concello contará cunha nova depuradora en Cances
Martes 26 de xullo do 2005
A minidepuradora vaise instalar en Cances Grande, aínda que o obxectivo do Concello é darlle servizo tamén á zona de Cances Davila, unha vez remate o proxecto de saneamento desa parte da parroquia, segundo explicou o concelleiro delegado de Servizos e Mantemento, Luis Lamas.
A creación da depuradora forma parte dun plan experimental da Deputación da Coruña destinado a dotar núcleos rurais, de entre 200 e 500 habitantes, dun sistema de depuración de augas residuais.
Para este proxecto, no que participan outros nove concellos da provincia, a Deputación colabora coa Universidade da Coruña para que un equipo de investigación estude as alternativas, o deseño e dimensións destas depuradoras, de xeito que se adecúen aos diferentes tipos de poboación nos que se van asentar.
Lamas explicou que a Deputación está aínda a definir o tipo de depuradora que se vai instalar en Carballo e sinala que dende a Universidade se fará de inmediato o estudo topográfico que permita o comezo das obras canto antes.