ACTIVIDADES INFANTÍS
Arredor de 50 nenos participan cada día na ludoteca municipal
Martes 23 de agosto do 2005
A ludoteca municipal é un espazo idóneo como alternativa de lecer cando as condicións meteorolóxicas non son propicias para ir á praia. Así, os responsables da ludoteca municipal sinalan que o número de usuarios increméntase eses días. "Os días que non vai sol poden chegar a vir entre 65 e 70 nenos pola tarde", explican.
A ludoteca ofrece servizos de consulta e empréstito de libros en sala, unha área de xogos de construción, de imitación de psicomotricidade, unha área de xogos de mesa e outra de acceso a internet e xogos didácticos multimedia, ademais dun espazo exterior para o xogo.
A ludoteca municipal conta cun programa de animación do tempo libre que se adapta ás diferentes épocas do ano, no que se inclúen obradoiros, representacións teatrais ou contacontos. Durante o verán, organízanse espectáculos de maxia e teatro ao aire libre - na Praza do Concello - que se están a desenvolver dende comezos do mes de xullo e que están incluídos na programación cultural do Concello "Verán Cultural".
A Biblioteca Infantil e a Ludoteca Municipal de Carballo ocupan o antigo edificio das Escolas da rúa Desiderio Varela. Esta infraestrutura, que comparte espazo coa Aula de Informática Municipal, foi inaugurada en 2003 tras un proceso de rehabilitación. O horario de apertura de verán é de luns a venres entre as 11.00 e as 13.30 horas e entre as 18.00 e as 20.30 horas, pola tarde.