PROMOCIÓN LINGÜÍSTICA
O Concello presenta novas accións da campaña ‘Incrementa o teu interese’
Venres 16 de decembro do 2005
O material da campaña consiste en 1.200 follas que conteñen cada unha delas 26 etiquetas impresas a unha tinta de papel adhesivo mate. As etiquetas teñen varias formas e tamaños para que se poidan adecuar aos distintos tipos de paquetes. Aqueles comercios da vila que queiran utilizar esta etiquetas poden recollelas directamente no Servizo de Normalización Lingüística -no Pazo da Cultura- ou solicitalas para que se lles envíen por correo no teléfono 981 704 304, no fax 981 704 302 ou no enderezo electrónico normalizador@carballo.org.
Zona azul
Para seguir contribuíndo á difusión da campaña e darlle vistosidade, o Concello de Carballo vai distribuir 5.000 discos de sinalización da hora para a súa utilización na zona azul de aparcamento da localidade. Estes discos serán distribuídos entre a cidadanía e comercios da vila. Tamén se poden solicitar no Servizo de Normalización Lingüística ou nas oficinas da Policía Local.
Conferencia
Tamén dentro da campaña, o vindeiro luns 19 de decembro, Anxo Ramón Calvo Silvosa, director xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, ofrece ás 20.00 h no Pazo da Cultura a conferencia "O papel da lingua nas estratexias empresariais".
Os obxectivos que se perseguen son os de poñer de relevo entre o empresariado da vila o importante papel da lingua e das estratexias comunicativas dentro das empresas, e dar a coñecer o compromiso da Administración galega coa normalización lingüística no ámbito empresarial.
Ademais, no transcurso da conferencia entregaránselles os diplomas ás persoas participantes nos cursos de iniciación e perfeccionamento da lingua galega 2005, no Curso para a optimización da comunicación empresarial e no Obradoiro de estratexias de atención ao público para o comercio.
No acto de presentación das novas actividades da campaña Incrementa o teu interese estiveron presentes Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, María Xosé Jamardo, secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística e Nel Vidal, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo.