LECER
As compañías ‘Trinke Trinke’ e ‘Disque Danza’ abren o Nadal Cultural
Venres 9 de decembro do 2005
Trinke Trinke voltará á ludoteca municipal cunha sesión de contacontos para os máis pequenos. Os coruñeses xa actuaron máis veces para o público infantil da localidade. A actuación está prevista para as 18,30 horas. E ás 21,00 horas, no Pazo da Cultura, a compañía viguesa Disque Danza presenta o seu espectáculo Disque..., unha función dividida en dúas partes diferenciadas. Na primeira, Síntoma 0, dúas mulleres xogan mentres outra permanece illada e todos a miran e critican polo seu síntoma, a soidade. Na segunda, Chegada a 1, tres bailarinas escenifican o paso entre o pasado e o presente por vir, nunha viaxe polas súas lembranzas.
Música
A música tamén estará presente na primeira fin de semana de actuacións do Nadal Cultural. O sábado 10 de decembro, no Pazo da Cultura, a Orquesta de Cámara da Sinfónica de Galicia ofrece un concerto, actuación que precede á do domingo 11 de decembro, a cargo do Orfeón Terra a Nosa, tamén no multiusos carballés. Os actos do Nadal Cultural, que comezan este venres día 9 de decembro, rematarán coa cabalgata de Reis o 6 de xaneiro.