Inicio Carballo ao día Hemeroteca A maxia chega a Carballo

VERÁN CULTURAL

A maxia chega a Carballo

Xoves 21 de xullo do 2005

O mago portugués Luís de Matos presenta en Carballo un dos seus espectáculos máis anovadores. En contraposición cos seus anteriores traballos, Close up é unha actuación máis próxima ao público, na que os espectadores tamén terán un papel que desenvolver. O mago pasará pouco a pouco dos trucos máis tradicionais, a pequenos xogos de cartas, para rematar nun final que sorprenderá e entusiasmará o público.

Luís de Matos conta con importantes premios do mundo da maxia, de entre eles, o máis prestixioso é o da Academia de artes máxicas de Hollywood que en 1999 o nomeou "Mago do ano". No ano 2000, acadou o máis alto galardón europeo á excelencia artística, Mandrake d’Or, outorgado pola Sociedade francesa de magos. Outros premios importantes na súa carreira son o Troféu Nova Gente en 1995 ao mellor programa televisivo de entretemento, coas votacións dos espectadores portugueses, e o Merlin Award ao mellor mago do ano en maxia de mesa, concedido pola Sociedade internacional de magos en 1998.

A actuación de Luís de Matos forma parte dos Venres culturais que o Concello de Carballo programa no Verán Cultural 2005, que este ano está a apostar pola variedade da súa oferta lúdica. Este acto está organizado pola Concellaría de Cultura, ensino e normalización lingüística, en colaboración coa Deputación da Coruña.

Compartir: