Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comeza a fase final do Certame Na Vangarda 2005

TEATRO AFECIONADO

Comeza a fase final do Certame Na Vangarda 2005

Martes 29 de novembro do 2005

A final comeza na tarde do martes coa compañía Teatro no Aramio de Santiago e o seu Asasino Sorrinte, unha historia de representacións e xogos dramáticos onde os actores adoptan personaxes e os personaxes absorben corpos de actores. A segunda obra finalista da xornada do martes corre a cargo da compañía lucense da Asociación Cultural in Bocca al Lupo, que representa Paxariños Preñados, unha historia de tres amigas que se volven a encontrar con motivo do suicidio dunha amiga común da infancia. A primeira das representacións será ás 17,00 horas e a segunda ás 21,00 horas. Os horarios repetiranse nas xornadas de mércores e xoves, para completar as seis representacións da fase final do certame.

Clases maxistrais

A Deputación de A Coruña, en colaboración coa Orquesta Sinfónica de Galicia, co Concello de Carballo e co Conservatorio Profesional de Música de Carballo, está a organizar na localidade unhas Master Class para alumnos do Conservatorio. O Pazo da Cultura é o escenario, a partir das sete da tarde do martes 29 de novembro, da segunda das Master Class. Ésta correrá a cargo do frautista da Orquesta Sinfónica de Galicia, Francisco Varoch, e está orientada ao alumnado de instrumentos de vento-madeira e vento-metal. O pasado luns 21 de novembro tivo lugar a primeira das clases maxistrais, que correu a cargo do primeiro violoncelista da Orquesta Sinfónica de Galicia, David Etheve. Estaba orientada ao alumnado de corda frotada -violíns, violas, violoncelos e contrabaixos- e asistiron un total de vinte alumnos.

Compartir: