Inicio Carballo ao día Hemeroteca As obras do recinto e as naves do Fórum...

ESTE ANO DESENVOLVERANSE AS PRIMEIRAS ACTIVIDADES NO COMPLEXO

As obras do recinto e as naves do Fórum Carballo na Milagrosa estarán rematadas a principios de novembro

Sábado 14 de setembro do 0210

O Proxecto Fórum suporá que A Milagrosa poida albergar a totalidade dos obradoiros formativos que se desenvolven nestes momentos en distintos puntos do Concello: os de cantería no polígono de Bértoa; os de confección e electricidade no antigo ambulatorio, aos que se pretende engadir fontanaría; e todos os que están no Centro de Formación, de carpintaría metálica e de aluminio, chapa e pintura e soldadura. A eles habería que engadir o equipamento para desenvolver cursos de hostalaría. Nestes momentos o departamento de contratación está ultimando a memoria técnica para o subministro das instalacións, que incluirían comedor e cociña e que terían un importe aproximado de 275.000 euros. Segundo explica o Tenente de Alcalde e responsable da área de contratación, José Antonio Viña, o Concello espera que o proceso estea aberto antes dun mes e que os equipos estean instalados antes de final de ano. Con estas instalacións o Fórum Carballo poderá acoller cursos do plan FIP (Formación e Inserción Profesional) ou calquera actividade formativa neste campo organizada polo Concello ou en colaboración con outras institucións.

Así mesmo, a Xunta de Goberno vén de aprobar o pasado luns 13 de setembro o contrato de "Subministro e instalación de maquinaria por lotes do Proxecto Fórum Carballo". Trátase do Lote 1 para o equipamento de maquinaria na nave nº 4 destinada a carpintaría de madeira, cun orzamento de licitación de 68.045 euros; e do Lote 2 para o subministro dunha cortadora ponte na nave nº 5 destinada a obradoiro de cantería, cun orzamento de licitación de 52.515 euro. Este subministro xa se tiña sacado a licitación en tres lotes, do que se adxudicou a equipamento dunha ponte grúa para a nave nº 5 por un importe de licitación de 25.143 euros, quedando desertos os outros dous lotes. Unha vez cuberto este equipamento, o resto dos obradoiros equiparanse co resto da maquinaria xa existente nestes momentos no Centro de Formación, así como coa contratación a través algunhas pequenas partidas en 2011. Ademais das naves dedicadas exclusivamente a formación, hai que subliñar a presenza da nave nº 1, destinada a Promoción Económica, así como o feito de que o recinto exterior, xa urbanizado, seguirá acollendo a celebración da feira dos domingos.

Compartir: