INDUSTRIA
Expertos e profesionais pulan pola creación do novo parque empresarial da Costa da Morte
Martes 19 de xullo do 2005
As principais liñas de acción que se estableceron trala reunión foron o incremento da oferta de solo industrial, a mellora das dotacións en infraestruturas dos parques empresariais - incluíndo a mellora nas conexións viarias entre os principais puntos da comarca e deles co exterior - e o fomento da cultura empresarial. Considérase prioritario tamén promover a formación continua e da reciclaxe de traballadores para facilitar a súa adaptación técnica ás diferentes empresas e ás novas esixencias de competitividade.
Sinalouse tamén a necesidade de favorecer a integración vertical dos principais sectores produtivos da zona co fin de xerar sinerxias, pechar ciclos produtivos e repercutir na Costa da Morte o maior valor engadido posible. Outras propostas son o desenvolvemento de polígonos de carácter mixto, residencial e industrial, para artellar mellor o solo industrial no conxunto da estrutura urbana.
A mesa de traballo sobre o solo industrial incluíuse na rolda de sesións sobre o desenvolvemento socieconómico da zona da Costa da Morte, no que interviron expertos e profesionais relacionados co sector turístico, coa actividade emprendedora e co solo industrial, entre o 11 e o 13 de xullo. O obxectivo destas reunións - promovidas pola Cámara de Comercio da Coruña, a través da súa Antena Local en Carballo - foi o de definir e priorizar as liñas estratéxicas de actuación para o desenvolvemento destas áreas.